A oitava edición da Nocturna Casa de Sixto tivo lugar coa súa base na parroquia de Sas, pertencente ao Concello de Paderne, sempre vinculado ao noso deporte e colaborador habitual do Clube Gallaecia Raid.
Ese ano batemos un novo récord con 450 corredores, 50 máis que o ano anterior, moitos deles animados polo novo formato da proba. A pesar da chuvia e do frío da noite, tanto pequenos coma maiores desfrutaron dunha carreira disputada con total normalidade, con tres percorridos a escoller.
Os máis pequenos optaron polo percorrido infantil, con 1,5 km totais que percorrían o núcleo da parroquia de Sas. Deste modo, os inscritos nesta categoría contaron con 55 minutos para facer o percorrido completo, empregando a tarxeta de control clásica como sistema de cronometraxe, co obxectivo de que coñecesen un dos sistemas tradicionais de control dos tempos no deporte da orientación.
Os maiores escolleron o percorrido medio. Foron 8 km nos que os 245 inscritos nesta categoría afrontaron unha dureza media, ideal para un adestramento lixeiro tanto física como tecnicamente. En categoría masculina, Antonio Blanco Villar chegou en primeiro lugar, seguido pola familia López González, con Javier e Nicolás chegando segundo e terceiro, respectivamente. En categoría feminina, Sofía Martínez Gómez acadou a vitoria, seguida de Sonia Gómez e María Eugenia Rodríguez-Trelles, que pechou os postos de honra.
Por último, os máis valentes e experimentados fixeron o percorrido longo de carácter competitivo, en formato rogaine con 24 km e 3 horas de duración. Tomaron a saída ás 18:00 h, e o percorrido fixo que os participantes tivesen que picar os controis sen seguir unha orde preestablecida, polo que a elección dun percorrido óptimo resultou fundamental para acadar un bo resultado. Ademais, ese ano introducimos dúas novidades: a cronometraxe co sistema Sportident, un paso máis que nos permitiu mellorar o funcionamento da proba, e a implementación do TrackTheRace, con seguimento en directo de todos os corredores desta categoría.
A vitoria na categoría masculina foi parar ás mans de Ángel García, do Club Brigantia A Coruña, completando todo o percorrido con 66 puntos, un máis que o segundo clasificado, Alberto Taboada. Terceiro, con 61 puntos, foi José Antonio Torviso Bardeal. Tere Barreira chegou no primeiro posto á meta de Casa de Sixto con 57 puntos. Mar Delgado foi segunda, con 51 puntos, e Isa Diz, do Cornelios, terceira. A dificultade engadida que supón realizar esta proba en ausencia de luz provocou que moitos participantes chegasen fóra de tempo.
Dende o Clube Gallaecia Raid quixemos dar as grazas, en primeiro lugar, aos participantes pola súa asistencia; a Casa de Sixto e ao Concello de Paderne, sen os cales non sería posible realizar este evento; a María José Faraldo García e a José Soto, pola súa implicación na organización; e, por suposto, aos nosos patrocinadores: Consello Superior de Deportes, Deputación da Coruña, Secretaría Xeral para o Deporte, FEDO, FEGADO, Cruz Roja, Marathon, Coca-Cola, Gadis, Powerade, Fridama, Tracktherace, Galiorient, Victory Endurance, SpacioSalud, Bibi’s Natura, Maldita Buena Suerte, Outlet Descanso, Nuxak e Raid Gallaecia.
