Abrindo un ano máis a tempada de orientación en Galicia, volvemos a Sas coa novena edición da nosa Nocturna Casa de Sixto. Alcanzamos un novo récord de inscritos, sobrepasando os 500 participantes, consolidando aínda máis esta proba, xa tradicional no calendario orientador galego.
Ese ano a climatoloxía respectou a competición, cunhas temperaturas máis suaves do habitual e ausencia total de choiva. Isto facilitou o labor dos voluntarios e fixo que tanto pequenos coma maiores desfrutasen dunha noite diferente, uns preparándose para a nova tempada de orientación e outros descubrindo o mundo do mapa e do compás.
A carreira disputouse con total normalidade, con tres variantes en función da esixencia física e técnica dos participantes: un percorrido longo, en modalidade rogaine, de carácter competitivo con 22 km e 28 balizas; unha variante media de 5 km e 13 balizas; e finalmente, a variante infantil con 1,5 km e 7 balizas, orientada a nenos, no entorno de Casa de Sixto.
Os inscritos no percorrido longo tomaron a saída ben entrada a noite, tendo por diante tres horas para picar as 28 balizas que atoparon no percorrido. O formato Score fixo que os participantes tivesen que picar as estacións Sportident sen seguir unha orde preestablecida, polo que a elección dun percorrido óptimo resultou fundamental para acadar un bo resultado. A vitoria na categoría masculina foi parar, un ano máis, ás mans do corredor do Clube Brigantia, Ángel García. Segundo foi José Antonio Torviso, mentres que Gonzalo Fernández pechou os postos de honra. En categoría feminina, Tere Barreira desquitouse do segundo posto do ano anterior cunha victoria impecable. A corredora do Gallaecia, Yolanda García, ocupou o segundo posto do podio de Casa Sixto, mentres que Luci Fernández foi terceira.
Na variante media, os 302 inscritos disputaron o percorrido Score cun obxectivo máis modesto e lúdico, xa que gran parte dos corredores desta modalidade fixeron o percorrido en familia ou formando pequenos grupos de amigos, moitos deles descubrindo o deporte da orientación. A dificultade engadida que supón realizar esta proba en ausencia de luz provocou que os tempos dos participantes se alargasen, chegando moitos deles fóra do tempo establecido.
Os máis pequenos da casa desfrutaron dun percorrido infantil de apenas 1,5 km nos arredores de Casa de Sixto, buscando balizas coa axuda da familia e navegando por un mapa moi detallado e preciso.
Dende o Clube Gallaecia Raid quixemos dar as grazas, en primeiro lugar, aos participantes pola súa asistencia, a Casa de Sixto e ao Concello de Paderne pola súa implicación na organización deste evento e, por suposto, aos nosos patrocinadores: Consello Superior de Deportes, Deputación da Coruña, Secretaría Xeral para o Deporte, FEDO, FEGADO, Cruz Roja, Coca-Cola, Gadis, Tracktherace, Marmar, SpacioSalud, Bibi’s Natura, Maldita Buena Suerte, Biosporty, Orballo e Nosportlimit.
