GALLAECIA RAID

X NOCTURNA CASA SIXTO - PADERNE - 11/01/2020

A Nocturna Casa de Sixto volveu a Sas para celebrar o décimo aniversario dunha carreira que marcaba o inicio da tempada de orientación en Galicia.

Ese ano a climatoloxía respectou a competición, a pesar dunhas temperaturas xélidas que marcaron o transcurso da carreira cando o sol abandonou o ceo de Paderne. A ausencia total de choiva facilitou o labor dos voluntarios e fixo que tanto pequenos coma maiores desfrutasen dunha noite de preparación para a nova tempada de orientación, mentres que outros descubriron o mundo do mapa e do compás.

A carreira disputouse con total normalidade, con tres variantes en función da esixencia física e técnica dos participantes: un percorrido longo, en modalidade rogaine; unha variante media e, finalmente, a variante infantil, orientada a nenos, que se disputou no entorno de Casa de Sixto.

Os inscritos no percorrido longo tomaron a saída cos últimos raios de sol do día, tendo por diante tres horas para picar o maior número de balizas que atoparon no percorrido. O formato Score fixo que os participantes tivesen que picar as estacións Sportident sen seguir unha orde preestablecida, polo que a elección dun percorrido óptimo resultou fundamental para acadar un bo resultado.

A vitoria na categoría masculina foi parar ás mans do corredor do Clube Brigantia, Ángel García. Segundo foi José Antonio Torviso, mentres que Óscar Fernández pechou os postos de honra. En categoría feminina, Tere Barreira igualou a vitoria do ano anterior, cun primeiro posto impecable. A corredora Helena Rodríguez ocupou o segundo posto do podio de Casa de Sixto, mentres que Laura Martínez foi terceira.

Na variante media, os inscritos disputaron o percorrido Score cun obxectivo máis modesto e lúdico, xa que gran parte dos corredores desta modalidade fixeron o percorrido en familia ou formando pequenos grupos de amigos, moitos deles descubrindo o deporte da orientación. A dificultade engadida que supón realizar esta proba en ausencia de luz provocou que os tempos dos participantes se alargasen, chegando algúns deles fóra do tempo establecido. En categoría feminina, o podio estivo composto por Eva Casado en primeiro lugar, Inés Valiño e Ainoa Delgado, pechando os postos de honra. En canto á categoría masculina, Pablo Fernández gañou a proba, mentres que David Casado e José Manuel Fernández quedaron segundo e terceiro, respectivamente.

Ao mesmo tempo, os máis pequenos desfrutaron dun pequeno percorrido infantil de apenas 1,5 km nos arredores de Casa de Sixto, buscando balizas coa axuda da familia e navegando por un mapa moi detallado e preciso, de fácil comprensión.

Dende o Clube Gallaecia Raid quixemos dar as grazas, en primeiro lugar, aos participantes pola súa asistencia, a Casa de Sixto e ao Concello de Paderne pola súa implicación na organización deste evento e, por suposto, aos nosos patrocinadores: Consello Superior de Deportes, Deputación da Coruña, Secretaría Xeral para o Deporte, FEDO, FEGADO, Cruz Roja, Ciclos Quintena, Decathlon A Coruña, Tracktherace, Marmar, SpacioSalud, Bibi’s Natura, Maldita Buena Suerte e Nosportlimit.

Por último, deixámosvos a galería de fotos da proba e as clasificacións. 

Galería de Paula Naya

Galería de Rodrigo González

Galería de Iván Noguerol

 

 

Scroll al inicio