A pesares do aprazamento da 7ª edición do Trail e Andaina de Orientación de Orro, a acollida foi inmellorable, grazas aos 429 inscritos que se achegaron ao Concello de Culleredo nunha soleada mañá de xaneiro. Unha vez máis, o Clube Gallaecia Raid e a A.D.T.L. A Pedrosa organizaron esta proba, xa clásica, das carreiras de orientación e dos trails da comunidade.
Ao igual que na edición anterior, os inscritos puideron escoller entre os 20 km con 700 metros de desnivel positivo do trail longo, unha variante máis asequible de 12 km e 350 metros de desnivel e, como non, a andaina de 9 km de percorrido e 300 metros de desnivel positivo. Este último percorrido foi o escollido pola maior parte dos participantes, que buscaron pasar unha mañá de domingo en familia, dada a gran cantidade de nenos presentes na saída da proba, con epicentro na parroquia cullerdense de Orro.
A proba comezou ás 10:00 h coa saída en masa de todos os corredores do trail, que afrontaron a cita como un adestramento para comezar a preparar a nova tempada das carreiras de orientación. O resto de categorías tomou a saída un pouco máis tarde: ás 10:10 h saíron os corredores do trail curto e, cinco minutos despois, os 288 participantes na andaina.

