Crónica O-BM Monte Xalo – 6ª e 7ª proba de Liga Galega de O-BM

O pasado sábado 7 de outubro poñíase punto final á liga galega de orientación en bicicleta de montaña 2017, coa celebración da 6ª e a 7ª carreira da tempada, organizadas nesta ocasión polo Clube Gallaecia Raid.

Ámbalas dúas probas celebrábanse no monte xalo, no concello de Culleredo, unha ubicación novidosa no mundo da orientación grazas a un novo mapa elaborado por Francisco Diz, que puxo a proba a destreza de máis de 120 orientadores chegados de distintos puntos da nosa comunidade.

Pola mañá tiña lugar a carreira de distancia media, na que os percorridos ían dende os 4,7 km na categoría de iniciación curta, ata os case 16 km que tiñan que completar os inscritos na categoría senior masculina. Na categoría senior feminina, o triunfo era para Mar Delgado, do IES Sabón de Arteixo. Tere Barreira, do Montaña Ferrol acadaba a segunda praza e Luisa Felpeto, do Clube Fluvial de Lugo completaba os postos de honor nesta distancia media. a victoria en senior masculina ía a parar a mans de Francisco Javier López Costoya, do Adventure Addicts Paderne. Segundo era o seu compañeiro de equipo Alberto Taboada, a só 8 segundos, mentres que a terceira posición era para Yago Breijo, do Gallaecia Raid.

Tralo merecido descanso, pola tarde os corredores afrontaban un apaixoante sprint caracterizado por un trazado de pistas rápidas no que o máis mínimo error provocaba unha perda considerable de tempo que se vería reflexada na clasificación final. Tere Barreira desquitábase do segundo posto da mañá cunha victoria neste sprint. Luisa Felpeto repetía podio, ascendendo un posto nesta ocasión e acadando o segundo posto, a 26 segundos da corredora do Clube Montaña Ferrol. Paula Naya era terceira, consguindo importantes puntos para o seu clube, o Gallaecia Raid. En categoría senior masculina, Francisco Javier López Costoya repetía victoria nunha xornada perfecta para os seus intereses. Yago Breijo era segundo e Carlos Amil, do Clube Budiño Raid, cerraba os postos de podio.

Dende o Clube Gallaecia Raid queremos agradecer a todos os corredores a súa asistencia á nosa proba, que esperamos se volva celebrar en 2018. Tamén queremos agradecer aos nosos patrocinadores (Autocaravanas Costa da Morte, Tracktherace, Galiorient, Outlet Descanso, Fridama, CocaCola, Gadis, Deputación da Coruña e Xunta de Galicia) a súa colaboración.

Deixámovos coas fotos dos nosos colaboradores do evento:

Fotos Distancia Media – Iván Noguerol

Fotos Sprint – Iván Noguerol