7º Trail Running e Andaina de Orientación – Orro – 19/01/2020
A pesares do aprazamento da 7ª edición do Trail e Andaina de Orientación de Orro, a acollida foi inmellorable, grazas aos 429 inscritos que se acercaron ó Concello de Culleredo nunha soleada mañá de xaneiro. Unha vez máis, o Clube Gallaecia Raid e a A.D.T.L. A Pedrosa organizaban esta proba, agora xa clásica, das carreiras de orientación e dos trails da comunidade.
Ao igual que na edición anterior, os inscritos podían escoller entre os 20 km con 700 metros de desnivel positivo do trail longo, unha variante máis asequible de 12 km e 350 metros de desnivel e, como non, a andaina de 9 km de percorrido e 300 metros de desnivel positivo. Este último percorrido foi o escollido pola maior parte dos inscritos, buscando pasar unha mañá de domingo en familia, dada a gran cantidade de nenos presentes na saída da proba, con epicentro na parroquia cullerdense de Orro.
A proba comezaba ás 10:00h, coa saída en masa de tódolos corredores do Trail, que afrontaban a proba como un adestramento para comezar a preparar a nova tempada das carreiras orientación. O resto de categorías tomaban a saída un pouco máis tarde: Ás 10:10h saían os corredores do trail curto e, 5 minutos máis tarde, os 288 participantes na andaina.
No aspecto deportivo, as diferencias foron mínimas en tódolos percorridos, mostra da esixencia e capacidades dos deportistas alí presentes. No tocante ó trail longo, en categoría feminina, só 1 segundo separou á gañadora, Elena Bujía, da segunda clasificada, Marta García. Un minuto por detrás remataba Sandra Fernández.
Entre os participantes da categoría masculina, e con menos de dous minutos de vantaxe sobre o segundo clasificado, a vitoria foi a parar a mans de Ángel García, completando la prueba con un tiempo de 1h e 37 min. Segundo era Óscar Fernández, mentres que terceiro Isaac Rodríguez, a dez minutos do segundo posto.
As diferencias tamén foron moi escasas no percorrido curto, con menos de 5 minutos entre as tres primeiras clasificadas: Tania López, Carmen Casal e Alexia Loreiro. Entre os homes, Alfonso Vázquez conseguía chegar primeiro, con Diego Bouza segundo e Luis Javier Ramos pechando os postos de honor.
A Andaina contaba coa maior inscrición dos dous percorridos, na que moitos dos participantes facían o percorrido en familia, descubrindo na súa gran maioría o deporte da orientación. Os máis pequenos desfrutaron dunha mañá de balizas, compases, mapas e diversión, nun entorno natural que lles permitiu introducirse en localizacións novas para a gran maioría. O ambiente de carreiras que se respiraba fixo que os participantes puxesen todo o seu empeño en chegar a meta coa satisfacción de realizar unha carreira de aprendizaxe e desenvolvemento de técnicas de orientación para os xa iniciados.
Dende o Clube Gallaecia Raid e A.D.T.L. A Pedrosa queremos agradecer, unha vez máis, a tódolos participantes a súa asistencia, e dar grazas tamén aos voluntarios, Concello de Culleredo, Policía Local, Protección Civil, Coca-Cola, Marathon Running Shop, Marmar Outdoor, ArteBike Arteixo, NoSportLimit, Maldita Buena Suerte, Arcadia, BikeSat, Bibi´s Natura e TrackTheRace pola súa colaboración. O próximo decembro volveremonos a ver en Orro, na 8ª edición!
Como punto final, deixámosvos as galerías de fotos e, por suposto, as clasificacións!